Arco de La Défense
O Gran Arco da Fraternidade (en francés: Grande Arche de la Fraternité), mellor coñecido como o Arco da Defensa ou sinxelamente Le Grande Arche é un monumento en París no distrito de La Défense; foi construído polo arquitecto dinamarqués Otto von Spreckelsen.
Historia
[editar | editar a fonte]En 1982, o Establecemento público para a planificación da Défense (Établissement public pour l'aménagement de La Défense, EPAD) convocou un concurso internacional de arquitectura ao que se presentaron 424 arquitectos de todo o mundo. O futuro edificio converteríase nunha insignia no eixe histórico de París, como o edificio do Louvre ou o Arco do Triunfo. O xurado seleccionou catro proxectos e un logrou impoñerse pola súa forza, a súa sinxeleza e a súa pureza, que ademais mostrábase como a versión moderna do Arco do Triunfo. O autor dese proxecto era o ata entón descoñecido arquitecto Johann Otto Von Spreckelsen (1929-1987). Trala morte de Spreckelsen, o traballo foi completado polo seu socio, o arquitecto francés Paul Andreu. A construción correu por conta do grupo francés Bouygues. En xullo de 1989, bicentenario da revolución francesa, foi inaugurado cando estaba case rematado, cun gran desfile militar.
En 1999, o escalador urbano francés Alain Robert gabeou a parede exterior da estrutura empregando tan só os seus pés e mans, sen ningún dispositivo de seguridade.
Na película de 2004 Godzilla: Final Wars, é un dos monumentos parisienses destruídos polo insecto xigante Kamacuras.
O Grande Arche está lixeiramente inclinado (6,3º) con respecto ao eixe histórico de París. Segundo o seu construtor, para que se poida apreciar mellor a súa volumetría cúbica. Con todo, moito influíron as limitacións de espazo para plantar os seus alicerces, especialmente pola presenza da liña 1 de metro.
Cando se escolleu o proxecto, Spreckelsen estaba na casa, nunha illa sen ningún medio de comunicación. Foi necesario enviar un representante en bote para avisalo de que o seu proxecto fora seleccionado.
Construción
[editar | editar a fonte]O cubo baleiro do Grande Arche ten 35 plantas. É un hipercubo case perfecto, con 108 metros de ancho, 110 metros de alto e 112 metros de profundidade. As súas 300.000 toneladas repousan en doce alicerces. Intercaladas entre os alicerces e a megaestrutura, atópanse placas de neopreno que absorben as vibracións e os cambios de dimensión. As vigas de formigón pretensado son de 70 metros e soportan o teito dunha hectárea. Colocáronse a 110 metros de altura cunha precisión milimétrica.
As caras exteriores están cubertas de 2.800 paneis de vidro opaco de 5 cm de grosor, pensadas especialmente para previr deformacións ópticas e resistir poderosos ventos. As caras interiores foron cubertas de mármore branco de Carrara e granito gris.
O Arco da defensa está situado nunha perfecta aliñación co Arco do Triunfo e o Arco do Triunfo do Carrusel, dende o Xardín das Tullerías, xunto ao Museo do Louvre, pódese ver dende o interior do Arco do Carrusel, o Arco do Triunfo e o Arco da Défense, os Campos Elisios e a Praza da Concordia.
O interior do arco
[editar | editar a fonte]A parte máis alta da construción contén un centro de conferencia e de exposición, un museo de informática, e tamén un punto panorámico do distrito da Défense e o oeste de París.
Estas instalacións atópanse abertas ao público e son accesibles por elevadores de vidro que se atopan na parte baleira do arco.
As dúas paredes albergan oficinas gobernamentais.
Acceso
[editar | editar a fonte]Atópase preto da estación de metro "La Défense - Grande Arche".
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Arco de La Défense |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio web oficial (en francés)